Wednesday 08 de May de 2024

Alumnos e alumnas de Ordes asisten á clausura da segunda edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia


 

Acompañados da concelleira de Educación recibiron os seus diplomas nun acto solemne celebrado no salón nobre do Pazo de Fonseca

A vintena de alumnas e alumnos ordenses que participaron no programa Camiños de Coñecemento e Experiencia despedíronse onte desta novidosa iniciativa dirixida a persoas de máis de 50 anos con gañas de adquirir coñecementos universitarios.

Para ese último día desprazáronse xunto con Susana García, concelleira de Educación e Benestar Social do Concello de Ordes, ata o salón nobre do Pazo de Fonseca. Alí desenvolveuse o acto de clausura, encabezado pola vicerreitora de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela, María Victoria Otero Espinar. Tamén acudiron a vicepresidenta da Deputación da Coruña e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Goretti Sanmartín e Ildefonso de la Campa respectivamente. Previa á entrega de diplomas o profesor José A. Rodríguez Añón ofreceu unha lección maxistral sobre medio ambiente. Como remate final todos e todas acudiron ao concerto ofrecido pola Real Filharmonía de Galicia, que baixo a batuta de Erik Nielsen interpretaron pezas de Haynd, C. Debussy e A. Copland.

As clases e actividades do dito programa impartíronse nos baixos da alameda (Ordes) ao longo do pasado maio. A historia da cultura de Galicia, teoría da música galega ou envellecemento foron algúns dos temas tratados nas clases que se impartiron no só nos baixos da alameda, senón tamén na Facultade de Medicina de Santiago. Ademais tamén houbo visitas guiadas ao arquivo da Catedral de Santiago.

Nesta ocasión foron máis de 20 os concellos que participaron en Camiños de Coñecemento e Experiencia, iniciativa levada a cabo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.